Pechar
• Entre a praia de Rodeira (Cangas) e o Con (Moaña) existe un xacemento xeolóxico de grande interese. As rochas da beiramar parecen conter fragmentos doutras de aspecto e cor diferente. Semella como se a masa dun biscoito fóra “bombardeada” con grandes pingueiras de chocolate pouco antes de que todo solidifique á calor do forno, sen a penas tempo para mesturarse. Os xeólogos chámanlle enclaves a estes fragmentos de rocha contidos ou encaixados noutra, e unha formación coma esta na que hai moitos destes enclaves formando unha banda, neste caso, de 80 a 100 m de ancho, recibe o nome de “Corredor de enclaves”.
• Presentan formas predominantemente
elípticas, aínda que tamén poden ser redondeadas ou doutras
aparencias, mesmo caprichosas. O seu tamaño, aínda que moi variado,
non excede dos 50 cm no eixo maior das elipses. Tamén é variable
a súa composición mineralóxica, a súa cor e o
tamaño dos cristais dos diferentes minerais. Así, algúns
están formados por rochas de cor predominantemente escura e de gran
fino, mentres que outros presentan cristais máis grosos e cores claras,
cun aspecto máis semellante ao da rocha granítica na que están
encaixados.
• A orixe deste fenómeno parece estar no encontro no interior
da cortiza terrestre de dous magmas de composición diferente, antes
do seu arrefriamento definitivo. O magma básico, que dará lugar
ás rochas de cor máis escura (Dioritas) foise introducindo no
magma que deu lugar á rocha de cor máis clara (Granito). Se
o proceso de mestura chegara a completarse totalmente, o resultado tería
sido unha única rocha de composición intermedia entre a das
dúas masas magmáticas orixinais. Sen embargo tal proceso non
chegou a completarse, tal vez porque as dúas masas magmáticas
estaban próximas ó seu arrefriamento ou porque a súa
elevada viscosidade llelo impedía. A mestura entre os magmas foi, polo
tanto, parcial, como se pode intuír prestando atención ás
diferenzas no aspecto dos distintos tipos de enclaves presentes no corredor.
|
|||||||||||||||||||||||||
|