Pechar
• A parroquia de Santiago de Cangas é a máis pequena do concello e, asemade, a máis poboada por mor da súa localización privilexiada física e climaticamente. Está formada por dous barrios importantes: o Costal e o Señal.
• O Barrio do Costal é o máis antigo da vila. Ao seu pé chegaba o mar antes dos aterrados e a pedra constitúe unha constante unida á presencia de numerosos mananciais (Fonte Ferreira, Fonte Garrida, Fonte do Galo, Fonte do Cabalo). As casas son de planta baixa e piso, todas con un patín e escaleira directamente á praza.
• Compoñen o seu entramado
viario a rúa de Berbetaña, a rúa da Faixa, coa súa
antiga fábrica de gasosas, a casona do s. XVI con escudo da Inquisición
coa pluma e que se supón antigo local do concello e a prisión,
o Outeiro, a parte máis alta do barrio, a rúa do Hío,
antiga vía de entrada dos veciños desa parroquia que cargaban
os seus burros coas mercadorías que ían ser vendidas no mercado,
a rúa do Arco, aberto para permitir o paso que impedía un patín,
antigo barrio xudeu onde viviu un gremio dedicado á exportación
de peixe fresco e á salga.
• Dende a praza do Costal, subindo pola rúa do Almirante Álvaro
Guitián chegamos á pintoresca praza de Síngulis, típica
de barrio mariñeiro. Na actualidade xa se ven no seu entorno edificacións
altas e modernas, nembargantes segue conservando ese encanto de vella praza.
No medio, sobre unha laxe natural érguese un fermoso cruceiro ao que
os veciños teñen gran devoción manifestada nas numerosas
candeas que o alumean.
• A Rúa Real divide Cangas en dúas metades e dá paso á parte máis chá da vila con casas de patín onde gardaban os mariñeiros os utensilios do seu traballo. O Barrio do Sinal é máis moderno, con rúas rectas e estreitas, que coñeceron o labor dos antigos gremios: a rúa da Materia (actual Ramón Franco) que acollía oficios variados como ferraxes e coiro; a rúa dos Baldes (hoxe Colón), elaborando toneis, etc.; a rúa da Estrela; a de San Xosé; a do Lirio; a do Hospital, onde edificaron un pequeno hospital para peregrinos e probes que contaba cunha capela anexa; a rúa do Sol que remata no Eirado do Señal coa súa fonte central. A partir de aquí comeza a zona comercial moderna coa rúa Méndez Núñez e a Avenida de Marín.
• Outro barrio mariñeiro é o Forte, coas antigas tendedeiras de redes a carón da praia de Rodeira. Na actualidade aséntase alí a Casa da Cultura, obra realizada polo arquitecto César Portela nun lugar inigualable con magníficas vistas ao mar. É un importante centro de estudo, actividades culturais, biblioteca e lugar de xuntanzas dos colectivos culturais da vila.
Mapa xeral | |||||||||||||||||||||||||||||
![]() |
|
||||||||||||||||||||||||||||
|