Pechar
• O nome desta familia é hoxe xa un topónimo do lugar que ten coma eixo principal o edificio da antiga fábrica de conservas.
• Esta construción, proxecto do arquitecto D. Xacobo Estens Romero e do enxeñeiro D. Tomas Bolibar Sequeiros, iniciouse no ano 1937 e rematouse en 1941; foi a primeira obra de formigón armado que se fixo en Galicia, e logo sería a factoría de conservas de peixe máis grande de Europa. O edificio, rectangular, ten dúas plantas cunha balconada voada, rodeando toda a planta de fabricación, para permitir o seguimento de todo o proceso de produción sen estorbalo. A segunda planta ten capacidade de resistencia suficiente para admitir a circulación sobre ela de camións de alta tonelaxe cargados. Entre a nave principal e dependencia anexas totalizaba mais de 40.000 m2 de superficie cuberta, e daba traballo a preto de 2.000 persoas.
• O complexo industrial Massó do Salgueirón ocupaba unha área de 180.000 m2, onde ademais da nave principal da factoría e as outras dependencias, estaban vivendas de obreiros, hotel, escolas, gardería infantil –diante desta dependencia podemos ver unha fonte coa escultura de dous nenos que se pelexan por beber da auga que brota da boca dun dragón–; xardíns –un deles cun traballado cruceiro que se ergue nunha plataforma octogonal de cinco gradas–; zonas verdes de espallamento con dous hórreos de pedra, campo de fútbol, etc.
• Estendíase pola costa dende o Salgueirón ata Areamilla, onde aínda existe a lagoa, refuxio de variadas especies de anfibios e aves acuáticas e limícolas ben residentes habituais ou en tránsito. Trátase dun estanque artificial do que se bombeaba a auga para as caldeiras da fábrica.
• En punta Balea, dende o ano 1954 ata 1986 funcionou unha factoría baleeira. Hoxe persisten as instalacións, e barállase a posibilidade de instalar nelas o museo da balea e un centro de recuperación de cetáceos.
• MASSÓ como firma, nace en Bueu 1816 dedicada á industria da salgadura; logo faría o paso a conserva esterilizada. Estende a súa area a Cangas, a Avilés, en Asturias, e a Barbate, en Cádiz. En 1943 o Estado Español concédelle o titulo de “Empresa Exemplar”, e en 1959 noméana “Empresa modelo en Seguridade Social”. As instalacións cerraron en 1994; hoxe son propiedade da empresa Frigoríficos do Morrazo.
.
![]() |
|
||||||||||||||||||||||
|