Pechar
• Xunto coa de San Martiño de Moaña, Santa María de Cela é a máis representativa do estilo das igrexa rurais dos sanxoanistas no Morrazo.
• A planta e a ábsida son rectangulares.
• A fachada presenta, en distintos
planos, dous pares de columnas de fustes lisos sobre bases toscanas que rematan
en capiteis con ornamentos florais. Están, cada par, unidos por un
ábaco que se alonga ata o muro e serve de soporte a dous arcos tóricos
de directriz apuntada con rosetas e unha arquivolta de billetes exterior que
completa o ornamento da fachada.
O tímpano está dividido en dúas pezas: o corpo inferior
ou lintel e o corpo superior ou tímpano propiamente dito.
O lintel, apoiado sobre dúas ménsulas que inician o arco, presenta
varias cruces potenzadas, símbolo da orde , círculos concéntricos
e unha figura de catro follas abrazadas en círculo.
No centro do corpo superior podemos observar unha figura hierática
con aureola e en posición orante, no lado dereito á altura da
cabeza, dous círculos concéntricos e a cada lado a figura dun
león rampante coas fauces abertas. As interpretacións sobre
o significado desta imaxe varían dende os que entenden que é
unha representación do profeta Daniel ata os que a consideran unha
imaxe do Apocalipse.
Na fachada tamén podemos observar un tornachuvas abilletado sostido
por seis modillóns, unha seteira e unha espadana con dous arcos de
medio punto para as campás e outro ornamental; está rematada
por unha cruz cos brazos florisqueados e uns pináculos rematados en
bolas.
• Na parede posterior da ábsida
aparece unha seteira vidrada decorada polo pintor José Mª Barreiro,
sobre a que se pode ver a figura da Virxe, enmarcada nun arco de medio punto
apoiado nunha imposta sostida por dúas columnas de fuste monolítico,
base toscana e capitel con follas.
No piñón aparece un carneiro, motivo que se repite no da nave
principal, pero aquí con cruz antefixa.
No lateral sur engadiron, con posterioridade, unha sancristía cuxo
testeiro coroa unha espadana dun só arco rematada en pico cunha esvelta
cruz.
• Moi salientables son nesta igrexa os modillóns que soportan o aleiro do tellado labrado con molduras, billetes, faces e outros ornamentos. Estes modillóns ofrecen todos labras singulares con imaxes de animais (touros, aguias, carneiros, monos), monstros, imaxes humanas en posicións grotescas, biseles, volutas, etc. Esta variedade é do máis característico e extraordinario deste templo.
• No interior, dunha soa nave, podemos contemplar dous arcos faxóns apuntados que soportan a bóveda de canón que os cobre. Apóianse en dous pares de columnas de fustes cilíndricos lisos con capiteis corintios con follas e ábacos con billetes. Tamén é apicoado o arco triunfal que portica o acceso ao presbiterio.
• Nas paredes interiores repítese a ornamentación exterior.
• No adro atopamos un cruceiro cunha figura de Cristo moi estilizada, datado no 1987
|
||||||||||||||||||||||||||||||||||
IGREXA DE SANTA MARÍA DE CELA
|
|